Homenaxe Di2025: Xosé Vizoso

‭Xosé Vizoso

Mondoñedo (Lugo), 1950

Deseñador, cartelista, escultor, ceramista, ilustrador, muralista… Xosé Vizoso é un dos artístas gráficos máis senlleiros e prolíficos da Galicia recente. A súa obra é recoñecible polo seu poderío visual e o fondo arraigamento na cultura enxebre e tradicional. 

Xa desde ben pequeno debuxaba sen parar. No bacharelato formouse nas artes plásticas co escultor Puchades. En 1968 entrou a traballar na factoría de Sargadelos en Cervo (Lugo), acabada de crear. Con Isaac Díaz Pardo como mentor, acadou unha gran pericia técnica e artística no deseño de figuras, vaixelas, medallas, grafismos, tipografías e un longo etcétera.

Xa cunha voz e un estilo propios, creou algunhas das pezas máis memorables da marca: os galos, as san lucas, a pomba ou o quixote. Díaz Pardo afirmou nos oitenta: «o peso deseñístico da cerámica de Sargadelos gravita hoxe sobre Vizoso». 

No terreo do libro, deseñou máis de 200 cubertas para Ediciós do Castro e outras editoriais. Non é menos importante o seu labor como ilustrador, que supera os 60 títulos: obras de Ferrín, Novoneyra, Alejo Carpentier, Celso Emilio Ferreiro ou Neira Vilas, co que tivo unha grande amizade. Tamén é autor —xunto a Aneiros— dunha enxebrísima baralla de tarot.

O mindoniense é tamén un magnífico cartelista. Os seus carteis teñen un selo inconfundible, especialmente os de festas populares. A serie das San Lucas de Mondoñedo —cos cabalos sempre presentes— deixa patentes as súas evolucións estilísticas. Na serie das Queimadas de Cervo —auténticos aquelarres en papel— amosa o seu lado máis dionisíaco e retranqueiro.

Traballador meticuloso e incansable, tamén abarcou ámbitos tan diversos como os murais, a escultura, o deseño gráfico e a escenografía. Cando non traballa, é un caricaturista veloz e empedernido.

Dixo Ferrín que Vizoso contribuíu de xeito decisivo á formación da paisaxe visual do noso tempo. Malia que o seu nome aínda non acadou toda a proxección que merece, a súa obra ten un enorme calado na Galicia dos últimos 50 anos. 

Xosé Vizoso é o primeiro autor vivo ao que se lle dedica o Día da Ilustración. 

Bibliografía básica:

  • www.xosevizoso.com. Inclúe unha completa galería de obras, textos e unha curtametraxe documental.

  • Colectivo Mondoñedo É (coord.): Homenaxe a Xosé Vizoso, Fillo Predilecto de Mondoñedo. Lugo: Deputación de Lugo, 2017.

  • Xosé Vizoso – Carteis 1970-2016 [cat. exposición]. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2017 (versión en liña aquí).

  • Xosé Vizoso – Creatividade e procesos [cat. exposición Fundación Artiaga]. Vilagarcía de Arousa: Concello de Vilagarcía, 2021.

Bosquexo da escultura cerámica ‘As San Lucas’ (Sargadelos) e cartel ‘Queimada Cervo 2004’, por Xosé Vizoso.

Exposición «Xosé Vizoso – O neno que debuxou un cabalo»

Preparada en colaboración co propio autor, a mostra ofrece unha pequena panorámica da polifacética obra de Vizoso. Inclúe unha escolma de libros e carteis, obxectos, documentos, bosquexos e debuxos e unha serie inédita de viñetas autobiográficas.

Na Biblioteca de Galicia, do 30 de xaneiro ao 9 de maio | Máis información

 

Vídeo-homenaxe Día da Ilustración 2025: Xosé Vizoso

Breve peza de 3 minutos para achegarse á figura de Vizoso e á súa prolífica traxectoria. O vídeo tamén forma parte da mostra «Xosé Vizoso – O neno que debuxou un cabalo» na Biblioteca de Galicia. Unha produción da AGPI e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.