Olladas
Galería de obras
Tres visións ilustradas sobre Siro
Tres profesionais da ilustración interpretan o universo gráfico de Siro desde a súa visión persoal. Estas tres obras poden verse na mostra «Siro – A vida nun lapis» na Biblioteca de Galicia (do 30 de xaneiro ao 10 de maio).
‘Praza Siro’ de Agustina Shuan
Técnica: Dixital
Para esta homenaxe quixen dedicar unha praza do humor arredor da súa figura, facendo referencia a unha das súas obras máis coñecidas: a Praza do Humor da Coruña.
O que máis me chamou a atención do traballo de Siro foi tanto a súa traxectoria xornalística e de humor gráfico como a idea que propuxo para o deseño desta praza. O humor gráfico é unha forma de expresión artística moi accesible, que pode achegar á xente á reflexión social e política. Por iso paréceme especialmente interesante que Siro utilizase o espazo público para dar a coñecer e poñer en valor o traballo doutros artistas e humoristas gráficos que tiveron unha grande influencia, tanto na súa obra como na cultura galega.

Agustina Jouandon @agustinashuan (Bos Aires, Arxentina, 1988) é deseñadora gráfica e creadora visual, especializada en ilustración, cerámica e xoiería.
Tras formarse en deseño gráfico en Bos Aires, viviu en Suecia, onde traballou en proxectos relacionados co deseño e o urbanismo. En 2016 instalouse en Galicia para continuar a súa formación en cerámica na Escola de Artes e Oficios de Vigo.
Desde entón desenvolve o seu traballo de maneira independente, colaborando en proxectos editoriais, festivais e iniciativas musicais, entre outros, desde a súa base en Santiago de Compostela. A súa obra inspírase principalmente na figura feminina, na natureza e nas escenas da vida cotiá que a rodea.

‘Son eu!’ de Santy Gutiérrez
Técnica: Dixital
Siro e mais eu compartimos oficio nas páxinas dos xornais, e quixen mostrar as dúas versións dunha personaxe icónica na caricatura política: a súa e a miña, pero a mesma personaxe á fin. Como sucede co famoso meme de Spiderman, as dúas versións recoñécense.

Non son consciente de ter escollido ser ilustrador, pero non lembro ter sido outra cousa.
Na Idade de Pedra pintaría bisontes na cova en vez de saír a cazalos, pero como vivo na era da tecnoloxía puiden colaborar con todo tipo de clientes nacionais e internacionais e crear ilustracións para campos moi diversos, desde o editorial ata o audiovisual, pasando pola publicidade ou o deseño téxtil. Fun directivo da AGPI e da FADIP, fundei un estudio colaborativo e participei en ducias de obradoiros, charlas e xurados.
Levo tres décadas como profesional e aspiro a seguir exercendo o máximo tempo posible, porque esta profesión permitiume viaxar, coñecer xente extraordinaria e deixar a miña pequenísima pegada no mundo.

‘Siro, o mago do lapis’ de Tamara Baz
Técnica: Dixital
Siro ten por costume publicar unha viñeta onde aparece el mesmo nos seus aniverarios. Na do seu 80 aniversario aparece unha chistera e unha man cun lápis en vez de unha varita, “A maxia do lapis” e penso que define moi ben a súa figura. Para min é un mago da gráfica, con un toque de humor sempre presente. Optei por traballar esa idea, retratar a Siro como un mago da gráfica que crea mundos co seu lapis.

Ilustradora e muralista galega con máis de 15 anos de experiencia no sector gráfico. Comeza a sua carreira como deseñadora gráfica durante 7 anos nun estudio de deseño multidisciplinar para despois dar o salto ó mundo freelance. Dende entón traballa resolvendo encargos de ilustración para marcas, institucións, ilustración editorial, …
Comeza na arte urbana aprendendo de grandes como Spok, Devane, Yoseba o Satr. Tras gañar primeira Batalla Mural de Vigo en 2019 recibe os seus primeiros encargos en gran formato.
O seu traballo publicouse en “Flamantes. Libro de Artistas” e no recopilatorio de ilustradoras “Creativas Galegas” ademáis de ser unha das artistas convidadas na exposición «1984, Unha xenealoxía feminista da arte urbana galega» no Auditorio de Galicia (Compostela). O último mural realizado no Concello de Tomiño acadou o quinto posto na selección “Best of March” da popular plataforma StreetArtCities.

