Lolita Díaz Baliño
A Coruña, 1905-1963
Foi unha pioneira artista multidisciplinar que desafiou as convencións sociais da época. Criouse nunha familia de artistas, e destacou desde moi nova na fotografía e na pintura.
Nestes primeiros anos traballa moito como ilustradora en diversas publicacións gráficas, como Mariñana, Galicia Gráfica ou Céltiga, amosando un estilo art déco sobrio e elegante, acorde coa moda propia do momento. Representa mulleres modernas, decididas e elegantes, figuras estilizadas as que dota de sutís movementos.
Dúas ilustracións de Lolita Díaz Baliño para a revista Galicia Gráfica: a da esquerda para
o número do 18 de febreiro de 1929, e a da dereita para o do 23 de agosto de 1926
Nos seus comezos, o pensamento rexionalista é un dos eixos da súa obra, pero co paso do tempo ese influxo vaise suavizando e evoluciona cara a outras estéticas. Destaca como debuxante e acuarelista, técnica esta na que o seu estilo adquire un detallismo colorista que retrata mundos irreais.
O seu traballo, recoñecido en 1929 cunha bolsa da Deputación da Coruña, exhíbese en numerosas mostras, de entre as que destaca a Exposición de Artistas Femininas que inaugura a histórica Asociación de Artistas na Coruña en 1934.
Ademais de como creadora, Lolita Díaz destaca polo seu traballo como profesora, labor que leva a cabo tanto na Escola de Artes e Oficios coruñesa como na súa academia particular.
O 13 febreiro 1938, ingresa como académica na Real Academia Galega de Belas Artes; xunto a Carme Corredoyra, é a primeira muller en facelo.
Lolita Díaz permaneceu incomprensiblemente esquecida durante moito tempo, a pesar de ser unha figura adiantada, que abriu camiño para moitas artistas que viñeron despois. Finalmente comeza a recibir o recoñecemento que merece.
Bibliografía básica:
- Graña Pérez, Beatriz: Voces da memoria: Galegas exiliadas, emigradas e resistentes durante o réxime franquista. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, 2020.
- Ortega, M.ª del Socorro: «Dos pintoras miembros de la “Real Academia Gallega de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario”», en Aurora Marco (coord.): Simposio Internacional Muller e Cultura, Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, 1993.
- Pereira Bueno, Fernando: A presenza das mulleres pintoras na arte galega, 1858-1936, Sada: Ediciós do Castro, 2004.
Exposición «Lolita Díaz Baliño. A discreción imposta dunha grande artista»
A Biblioteca de Galicia acolle a exposición «Lolita Díaz Baliño. A discreción imposta dunha grande artista». A mostra recolle documentos, libros, imaxes e obras de Lolita Díaz Baliño que forman parte da colección da Biblioteca e Arquivo de Galicia.
Sala de Exposicións da Biblioteca de Galicia (Monte Gaiás)
Do 30 de xaneiro ao 13 de maio de 2021
De 9:00 a 21:00, entrada libre e gratuíta | Accede aquí á visita virtual
Inauguración: 30 de xaneiro ás 11:00
Charla «Lolita Díaz Baliño: A ilustradora dos soños»
Con Rosario Sarmiento
Especialista en xestión, crítica e estudo da arte contemporánea, dirixiu en 2018 o documental Arte + Muller + Galicia.
29 de xaneiro ás 12:10
Acceso directo á gravación da charla
Presentada por Neves Rodríguez
Retransmisión en liña través da web www.diadailustracion.gal, e mais do Youtube e do Facebook da AGPI
(Previamente, ás 10:30, charla coa ilustradora invitada Carla Berrocal.
Acceso directo á gravación)
Vídeo-homenaxe Día da Ilustración 2021: Lolita Díaz Baliño
Breve vídeo [3 min 10 s] que percorre a vida e a obra desta ilustradora e pintora. O vídeo tamén pode verse na exposición «Lolita Díaz Baliño. A discreción imposta dunha grande artista» na Biblioteca de Galicia.
É unha produción da AGPI e a Dirección Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia.