Di2015

Cartel Día da Ilustración 2015, por Miguelanxo Prado

Miguelanxo Prado (A Coruña, 1958) é autor de banda deseñada, con títulos como Trazo de xiz, Ardalén e Presas fáciles, todos eles traducidos a numerosos idiomas. Ten realizado ilustracións para literatura infantil e xuvenil, prensa e todo tipo de soportes. Colaborou con escritores como Neil Gaiman, Manuel Rivas, Agustín Fernández Paz ou Laura Esquivel.

Traballa paralelamente en labores relacionados coa animación, para televisión e cinema, como a longametraxe De Profundis, que produciu e dirixiu en 2006. É director do festival Viñetas desde o Atlántico, e membro de número da Real Academia Galega de Belas Artes. miguelanxoprado.com

Actividades destacadas

Mesa redonda «As mil caras da ilustración: novos campos e soportes para o traballo ilustrado», cos ilustradores Marina Seoane (presidenta da AGPI), Sekone e Alberto Guitián na Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña, o 30 de xaneiro de 2015; o acto incluíu a presentación da publicación Caderno AGPI 2015.

A AGPI organizou paralelamente unha serie de actividades na Coruña e Vigo, o 30 e o 31 de xaneiro: dúas exposicións, un mercado da ilustración, dous Ilustranoites (presentacións rápidas de proxectos de ilustración en ambiente distendido) e un Combate de debuxantes (competición de debuxo en que o público escolle o tema que debe ser debuxado nun tempo limitado polos participantes).

Nas bibliotecas públicas nodais da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo desenvolvéronse obradoiros e mostras bibliográficas que xiraron en torno ao mundo da ilustración.