Cartel do Día da Ilustración 2019, por Santy Gutiérrez
Santy Gutiérrez (Vigo, 1971) leva máis de vinte e cinco anos exercendo a profesión de ilustrador. Ten feito ilustracións para libros, humor gráfico, caricaturas, publicidade, banda deseñada e deseño téxtil, e ten impartido ducias de obradoiros de debuxo. As súas viñetas humorísticas publícanse cada día en varios xornais, como La Opinión A Coruña, Diario de Pontevedra ou El Progreso, e están recompiladas en varios volumes. Ten colaborado como ilustrador coas principais editoriais do país e con empresas como Estrella Galicia, R ou Inditex. Nos últimos anos a meirande parte da súa obra editorial publícase no mercado estranxeiro. É membro fundador do coruñés Estudio Baobab e foi presidente da AGPI.
Actividades destacadas
Desde 2017, o Día da Ilustración homenaxea cada ano un grande ilustrador galego que merece ser redescuberto polas novas xeracións de lectores e creadores. O Día da Ilustración 2019 estivo dedicado a Federico Ribas Montenegro (Vigo, 1890 – Madrid, 1952).
A Biblioteca de Galicia acolleu a exposición «Federico Ribas: As liñas da beleza». A AGPI realizou un vídeo en liña que resume a vida e logros artísticos do ilustrador.
As bibliotecas públicas da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo realizaron, o propio día e nas semanas previas e posteriores, obradoiros, exposicións, mostras bibliográficas e contacontos, actividades todas elas relacionadas coa ilustración galega e universal ou ben coa figura e a obra de Federico Ribas.
A AGPI organizou, dentro das actividades da MiiC, unha charla sobre Federico Ribas a cargo de Siro López e unha mesa redonda sobre presente e futuro da ilustración, con Anabel Colazo, Andrés Magán e Carlos Arrojo.
Exposición «Federico Ribas: As liñas da beleza»
A mostra recolleu documentos, libros, imaxes e obras de Federico Ribas que forman parte da colección da Biblioteca e Arquivo de Galicia.
Puido visitarse na Biblioteca de Galicia entre o 25 de xaneiro e o 7 de marzo de 2019.
Vídeo-homenaxe Día da Ilustración 2019: Federico Ribas Montenegro
Vídeo producido pola AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración) en colaboración coa Dirección Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia.
Ligazóns relacionadas:
Vídeo-homenaxe Di2018: Camilo Díaz Baliño
Vídeo-homenaxe Di2017: Álvaro Cebreiro