Galería

Tres visións sobre Xosé Vizoso

Tres ilustradores socios de AGPI interpretan o universo gráfico de Xosé Vizoso desde a súa visión persoal. Estas tres obras poden verse na mostra «Xosé Vizoso – O neno que debuxou un cabalo» na Biblioteca de Galicia.

Título: Co lapis na man Técnica: dixital

«Para realizar a miña ilustración homenaxe a Xosé Vizoso inspireime principalmente no seu traballo en Sargadelos, xa que, como ceramista, me tocaba de preto e admiro moitos dos seus deseños. Entre eles, pareceume icónico o da San Lucas, xa que fai referencia ao seu Mondoñedo natal. Quixen retratalo co seu gran bigote, rodeado dos cabalos que forman parte da figura e no momento da súa creación, cun lapis na man, que, como el ben apunta, sostén desde que naceu.»

Abi Castillo

Ceramista e ilustradora nacida en Vigo. Graduouse en Belas Artes e estudou cerámica artística na EMAO (Escuela Municipal de Artes e Oficios de Vigo). O seu traballo escultórico veu gañando terreo ao longo dos anos. Ten participado en proxectos como Women in Art  (Zara) e ten exposto na galería Thinkspace de Los Ángeles, Ezberro de París e na CER.O (XII Feria Nacional de Cerámica Creativa de Oviedo) coa galería Lucía Dueñas. Na actualidade traballa en diferentes proxectos nos que a cerámica e a ilustración discorren en paralelo.

Título: Gaiteiro   Técnica: Dixital (Procreate) 

«Escollín un dos seus temas máis recorrentes, o gaiteiro; concretamente, unha das súas obras en que se retrata vestido como tal e rodeado de natureza. A partir desta obra, fixen unha reinterpretación desde o meu estilo, simplificando a figura e os motivos a través da síntese xeométrica que adoito empregar nos meus traballos. Tamén reducín a gama cromática aos tres tons que Vizoso usaba moitas veces nos seus deseños para pezas de Sargadelos: vermello, azul e negro.»

Carlos Arrojo

Coruñés, traballa como ilustrador freelance desde hai quince anos. Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo en 2004, ten traballado para clientes como The New York Times, The Washington Post, Perrier, Biotherm, Volkswagen Group, Nestlé, Unicef, Aldi, Fnac, World Bank, European Space Agency ou Banco Santander, entre outros. O seu traballo ten sido recoñecido con premios como o Injuve ou o AOI World Illustration Awards. Combina o seu labor como ilustrador coa docencia a través de talleres e o seu curso en Domestika.  

Título: San Lucas nas mans de Vizoso   Técnica: dixital

«Nesta obra quixen conectar a orixe de Xosé Vizoso, un rapaz que medrou no Mondoñedo dos anos cincuenta do século pasado, coa súa obra posterior, chea de forza visual e modernidade formal, pero sempre arraigada no sentir do rural galego. Escollín a feira de San Lucas, na que xa de cativo gozaba debuxando cabalos e para a que como artista deseñou múltiples carteis. A idea é mostrar como, a través do seu trazo, enche de cor e de dinamismo, condensando toda a forza dunha escena aparentemente humilde.»

Julia Abalde

Ilustradora coruñesa formada en Barcelona, cidade onde estudou Belas Artes e un mestrado en Ilustración na escola Eina. Desde os inicios da súa traxectoria, compaxina o seu labor creativo coa educación; destaca a realización de multitude de obradoiros en diversas institucións (Fundación Miró, Museo de Belas Artes da Coruña, Sala de Exposicións Palexco…), a creación e o desenvolvemento do xogo de estampación para cativos Pin Tam Pon, a publicación do libro ¡Tris, tras! Cuentos y actividades para imaginar, crear y jugar e o curso «Técnicas de estampación para niños» en Domestika. Nas súas láminas e fanzines desenvolve a súa faceta máis persoal. Un exemplo é a recente autoedición do poemario ilustrado La ilusión.