Galería 2023

Tres visións sobre María Antonia Dans

Tres ilustradores —Aida Alonso, Xoana Almar (Cestola na Cachola) e Jano— ofrecen a súa visión persoal de María Antonia Dans en tres ilustracións realizadas especialmente para a ocasión.

«Creei unha personaxe, a Muller-Montaña, con corpo de paisaxe, inspirándome nas perspectivas falseadas de María Antonia Dans. Ela dixo nalgunha ocasión que en Galicia a muller está sempre alí.»

Aida Alonso explica en vídeo este proxecto

Aida Alonso

Vigo, 1979. Licenciada en Belas Artes. Gañadora do IV Premio Internacional de ilustración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (2021) para a realización do seu cartel. Está especializada en ilustracións realizadas con papel e tesoiras, mesmo tridimensionais.

«A temática vai nesa liña de María Antonia Dans: non hai perspectiva, e hai unha muller do campo (e da costa); como nas súas pinturas, que tamén transmiten que ten a aldea na cabeza.»

Xoana Almar explica en vídeo este proxecto

Xoana Almar (Cestola na Cachola)

O Grove, 1983. Estudou o Ciclo de Ilustración na Escola de Artes de Granada. Xunto a Miguel Peralta conforma Cestola na Cachola, cooperativa dedicada especialmente á ilustración e ao muralismo, coa que teñen realizado murais por toda Galicia e polo resto da península. Desde 2010 veñen editando tamén libros ilustrados, como ¿Qué le pasa a la abuela? e Volcán (Triqueta), Plof. Historia dun globo (Contos Estraños) ou Óigame un escuchito (Libros de Ballena).

«Tiven moi en conta os traballos de María Antonia Dans no campo da ilustración infantil e xuvenil dos anos sesenta e setenta, as súas texturas, as súas atmosferas.»

Jano explica en vídeo este proxecto

Jano

A Coruña, 1979. Licenciouse en Belas Artes e completou os seus estudos cunha bolsa Erasmus en Bergen (Noruega) e cursando Ilustración na Escola Massana de Barcelona. Como autor de cómics, ten varios traballos publicados en Bang! Ediciones, Retranca, Mongolia, Autsaider Comics e Demo Editorial. Fai ilustración para editoriais como Ir Indo, Obradoiro, Xerais ou Alfabia, publicacións como El País, Il Foglio Sportivo, Diari de Tarragona, La Vanguardia, Design Anthology, Boat Magazine, Forbes ou Monocle – The Escapist, e entidades como a Fundación Barrié ou Estrella Galicia.