Homenaxe Di2018: Camilo Díaz Baliño

Homenaxe Di2018: Camilo Díaz Baliño

O Día da Ilustración homenaxea cada ano un grande ilustrador galego que merece ser redescuberto polas novas xeracións de lectores e creadores. O Día da Ilustración 2018 está dedicado a Camilo Díaz Baliño (1889-1936), pintor, ilustrador, escenógrafo e pioneiro galego do deseño.

Camilo Díaz Baliño foi un debuxante minucioso e evocador, influído pola arte relixiosa e o «art nouveau». Creou imaxes cunha gran carga simbólica e ancestral.

O seu traballo foi moi polifacético (cubertas de libros e revistas, carteis, escenografías, ilustracións, obxectos relixiosos e ornamentais, murais, heráldicas…) mais tiña un propósito firme: revivir os símbolos e os mitos que dan forma á nosa identidade. Nas súas palabras, «Non hai arte galega sen unha idea de redención de Galicia».

Cuberta da revista Lar e cartel para a Coral De Ruada, por Camilo Díaz Baliño

Cuberta da revista Lar e cartel para a Coral De Ruada, por Camilo Díaz Baliño

Foi o escenógrafo galego máis célebre do seu tempo. O seu estudio de Compostela foi punto de encontro de artistas e impulsores do nacionalismo progresista, unha causa que apoiou cada vez máis firmemente.

Na guerra civil foi encarcerado polos fascistas. Os seus derradeiros debuxos son uns retratos dos seus compañeiros na cadea. Camilo morreu fusilado en agosto de 1936. Manuel Rivas inmortalizouno na súa novela O lapis do carpinteiro.

Malia o seu tráxico final, Camilo foi quen de fundar unha saga de creadores que reinventou a iconografía e o deseño galegos, co seu fillo, Isaac Díaz Pardo, e o seu neto, Xosé Díaz.

Bibliografía básica:

José Antonio Durán: Camilo Díaz Baliño. Crónica de outro olvido inexplicable. Ediciós do Castro, 1990.

Luís Seoane: «Díaz Baliño, Camilo», Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. El Progreso, 2005.

 

Exposición «Camilo Díaz Baliño: A xenialidade truncada»

Exposición Camilo Díaz Baliño: A Xenialidade Truncada

A Biblioteca de Galicia acolle a exposición «Camilo Díaz Baliño: A xenialidade truncada».
A mostra recolle documentos, imaxes e obras doadas por Isaac Díaz Pardo (fillo de Camilo), á Biblioteca e Arquivo de Galicia. Este arquivo pódese consultar en liña na biblioteca dixital Galiciana.

Sala de Exposicións da Biblioteca de Galicia (Monte Gaiás)
Do 30 de xaneiro ao 7 de marzo de 2018
Horario: de 8:00 a 21:00
Inauguración: 30 de xaneiro ás 19:00

Vídeo-homenaxe Día da Ilustración 2018: Camilo Díaz Baliño

Breve vídeo [3 min 21 s] que percorre o universo creativo e as obras máis destacadas do creador ferrolán. O vídeo tamén pode verse na expo «Camilo diaz Baliño: A xenialidade truncada» na Biblioteca de Galicia.

Ligazóns relacionadas
Arquivo en liña de Díaz Baliño en Galiciana
Vídeo-homenaxe Di2017: Cebreiro
Díaz Baliño, o ilustrador mártir (culturagalega.org)