Reimundo Patiño
A Coruña, 1936-1985
Pintor, gravador e autor de BD, é unha das máis importantes figuras da cultura galega da posguerra. Naceu e finou na Coruña, aínda que viviu case toda a súa vida adulta en Madrid.
Reimundo foi un «fillo do 36», marcado pola ditadura e a represión da cultura galega. De neno pasou cinco anos na cama por mor dunha unha enfermidade ósea, e atopou no debuxo un espazo de liberdade. A súa amizade co escritor Xohán Casal foi decisiva para acceder á cultura do galeguismo exiliado (a obra de Seoane, Castelao, Laxeiro...)
Cartel do concerto Voces Ceibes (1968), do colectivo Estampa Popular Galega, e páxina da BD ‘O home que falaba vegliota’ (1973), de Reimundo Patiño.
En 1958 chegou a Madrid para traballar nunha oficina bancaria. Axiña iniciou unha intensa militancia cultural e política, e participou na fundación do grupo Brais Pinto. Coñecía moi ben as vangardas internacionais e, co movemento A Gadaña, introduciu o expresionismo abstracto en Galicia. A súa pintura —vehemente e experimental— mesturou o informalismo, o action painting ou o surrealismo cun rico imaxinario ancestral de raizame atlántica. En 1964 cofundou a UPG, partido que abandonou en 1971. A finais dos sesenta impulsou o colectivo Estampa Popular Galega, que produciu obra gráfica cunha forte crítica sociopolítica. Moi vencellado á literatura e á edición, tamén Ilustrou ou chegou a editar obras de amigos como Novoneyra, Ferrín ou Manuel María.
Nos setenta, o piso de Reimundo era o verdadeiro centro galego de Madrid. En 1971 integrouse no Taller Redor, a primeira galería experimental de Madrid. Alí estampou e expuxo o cómic mural O home que falaba vegliota, obra fundacional da BD galega. En 1975 lanzou con Xaquín Marín Dúas viaxes, o primeiro álbum galego (e en galego) de banda deseñada, editado no seu selo, Brais Pinto Gráfica. Nesta obra, cada autor fabula sobre o futuro de Galicia desde a ciencia ficción. O debuxo de Reimundo Patiño é inconfundible: visceral, barroco, expresionista, cheo de grafismos e caligrafías que invaden formas e espazos.
Nos oitenta foi convidado a participar en exposicións do grupo Atlántica, foco da renovación da plástica galega. Finou pouco antes de cumprir 50 anos. Para Isaac Díaz Pardo, «foi o primeiro artista plástico que, logo da guerra civil, restaura o compromiso da arte galega co destino do seu pobo». A enerxía visionaria de Reimundo Patiño aínda reverbera na nosa cultura contemporánea.
Bibliografía básica:
Carballo, Xulio (coord.): BDG70. A revolta do cómic galego. A Coruña: Servizo de Publicacións da UDC, 2017 (catálogo da exposición no espazo Normal – Universidade da Coruña).
Carballo, Xulio: Os pioneiros da banda deseñada galega. 1971-1979. Vigo: Xerais, 2019.
Díaz, Alberto: Bo tempo. A Coruña: Demo Editorial, 2020 (BD biográfica).
Patiño, Antón: Reimundo Patiño. Vigo: A Nosa Terra, 2005 (breve biografía).
Patiño, Antón (coord.): Reimundo Patiño: a explosión dun mundo. Santiago de Compostela,1999 (catálogo da exposición no Auditorio de Galicia).
Exposición «Reimundo Patiño: o desacougo creador»
A Biblioteca de Galicia acolle a exposición «Reimundo Patiño: o desacougo creador». A mostra recolle libros, publicacións e obras que forman parte da colección da Biblioteca e Arquivo de Galicia.
Sala de Exposicións da Biblioteca de Galicia (Monte Gaiás)
Do 28 de xaneiro ao 10 de maio de 2022
De 9:00 a 21:00, entrada libre e gratuíta | Máis información
Inauguración: 28 de xaneiro ás 12:00
Charla «Xaquín Marín: viaxe con Reimundo Patiño»
Con Xaquín Marín
Xaquín Marín e Reimundo Patiño son os indiscutibles pioneiros do cómic galego. Foron amigos e compañeiros de viaxe creativa. Xuntos lanzaron en 1975 Dúas viaxes, o primeiro álbum de BD galego no ético e no estético. E quen mellor que Xaquín para nos achegar á figura carismática e controvertida de Reimundo Patiño, autor que homenaxeamos no Día da Ilustración 2022.
Presenta: Neves Rodríguez
28 de xaneiro ás 11:10 | Acceso directo á gravación da charla
Retransmisión en liña través da web www.diadailustracion.gal, e mais do Youtube e do Facebook da AGPI. Podes acceder aquí
Posteriormente, ás 12:40, Conversa coa ilustradora invitada Roberta Vázquez | Acceso directo á gravación
Vídeo-homenaxe Día da Ilustración 2022: Reimundo Patiño
Breve vídeo ( 3:22 minutos ) que percorre os traballos máis relevantes deste autor no campo da BD. O vídeo tamén pode verse na exposición «Reimundo Patiño: o desacougo creador» na Biblioteca de Galicia. É unha produción da AGPI e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.