Homenaxe Di2023: María Antonia Dans

María Antonia Dans

A Coruña, 1922-1988

Pintora e ilustradora, iniciou a súa formación na academia de Lolita Díaz Baliño. Nos anos cincuenta, trasladouse a vivir a Madrid. Alí continuou a súa formación no Círculo de Bellas Artes e na Academia de San Fernando. Desde a súa primeira mostra na Coruña en 1950, expuxo en localidades de toda España e en moitos países, e obtivo multitude de recoñecementos, como a medalla da Cidade de París. Gozou do respecto da crítica e do cariño do público. En Madrid asistiu ás reunións de literatos do Café Gijón e trabou amizade con personalidades como Carmen Laforet, Antonio Mingote, Francisco Umbral ou Camilo José Cela.

Ilustración para La tata (1958) e portada de La isla de las tortugas (1964).

María Antonia Dans colaborou como ilustradora con diversas publicacións, como as revistas Familia Española e Tiempos Nuevos e o xornal Pueblo; no diario Abc ilustrou en 1958 o conto La tata, para Carmen Martín Gaite. Fixo tamén ilustración infantil e xuvenil para editoriais como Doncel, Editora Nacional ou Susaeta. Para Doncel, considerada unha das renovadoras da literatura infantil e xuvenil nos anos sesenta, ilustrou varios libros da colección La Ballena Alegre: La aventura del «Serpiente Emplumada» (Pierre Gamarra, 1962), La isla de las tortugas (Amado Gracia, 1964), El gato de los ojos color de oro (Marta Osorio, 1965) e Ángel en Colombia (Jaime Ferrán, 1967).

Ilustrou, ademais, ensaios e obras de divulgación para a Editorial Everest, como Galicia, una cultura de occidente, de Otero Pedrayo (1982) ou as guías El parador nacional Conde de Gondomar (1968), El Hostal de los Reyes Católicos en la historia de Santiago (1968) ou El Hostal de San Marcos (1972).

Tamén realizou deseños para pezas téxtiles para a empresa de decoración Gastón y Daniela.

Como ilustradora, estendeu ao papel impreso o seu característico emprego da cor e o seu estilo neoexpresionista combinando medios como a tinta e a acuarela ou as ceras.

Bibliografía básica:

  • Dibujantas: pioneras de la ilustración [catálogo da exposición], Madrid: Museo ABC, 2019.

  • Rosario Sarmiento: María Antonia Dans, A Coruña: Deputación da Coruña, 2022.

  • Ana María Arias de Cossío: M.ª Antonia Dans, Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1985.

Exposición «María Antonia Dans, a maxia da cor»

A Biblioteca de Galicia acolle a exposición «María Antonia Dans, a maxia da cor». A mostra recolle documentos, libros, imaxes e obras de María Antonia Dans que forman parte da colección da Biblioteca e Arquivo de Galicia.

Sala de Exposicións da Biblioteca de Galicia (Monte Gaiás)
Do 30 de xaneiro ao 12 de maio de 2023
De 9:00 a 21:00, entrada libre e gratuíta | Máis información

Inauguración: 30 de xaneiro ás 12:00

 

 

Charla: «María Antonia Dans, creadora e muller comprometida»

Rosario Sarmiento

Santander, 1957. Licenciada en Historia, crítica de arte e comisaria de exposicións, xestora cultural e especialista en coleccionismo e na historia da arte da muller en Galicia. Dirixiu a colección de arte de Caixa Galicia (1996-2014) e foi subdirectora da Fundación Caixa Galicia (2005-2011). Dirixiu o documental Arte + Muller + Galicia, Premio Luísa Villalta de Cultura e Igualdade da Deputación da Coruña no ano 2018. En 2022, publicou, dentro da Colección Grandes Pintores da Deputación da Coruña, o volume María Antonia Dans.

Presenta: Neves Rodríguez

Organiza: AGPI, coa colaboración da MiiC e o patrocinio da Xunta de Galicia

30 de xaneiro ás 10:20 | Sede Afundación Santiago de Compostela

A continuación, ás 12:00, a charla «De ruta polos libros de... Bea Gregores e David Pintor». Máis información

Vídeo-homenaxe Día da Ilustración 2023: María Antonia Dans

Breve vídeo (3:53) que que percorre a vida e as incursións na ilustración desta artista polifacética. O vídeo tamén pode verse na exposición «María Antonia Dans, a maxia da cor» na Biblioteca de Galicia. É unha produción da AGPI e a Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.